Sunday 05 de May de 2024

A Xunta promove na Feira de Expoordes o cooperativismo como unha fórmula empresarial que xera emprego en Galicia


A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Ordes o stand que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten instalado no evento multisectorial para difundir o labor das cooperativas galegas

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou o stand que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Consello Galego de Cooperativas, ten instalado na Feira Multisectorial Expoordes 2016.

No posto do órgano da Xunta para a promoción e difusión do cooperativismo, ofrécese ata mañá información sobre as potencialidades e solucións que ofrece esta fórmula empresarial como modelo capaz de crear emprego, ao tempo que están presentes diversas cooperativas e asociacións que están a expoñer os seus produtos de terra e mar e servizos. Así mesmo, estanse a organizar encontros de negocio das cooperativas galegas e hoxe tivo lugar unha xornada de degustación de produtos cooperativos.

A Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación do Goberno galego en materia laboral, reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector, buscando incrementar o tamaño das cooperativas para dotalas dunha maior capacidade industrial e loxística que lles axude a competir, e apoiando ás cooperativas para que innoven e se abran a novos mercados.

Deste xeito, a Xunta destina este ano 5,4 millóns de euros para fomentar a Economía Social con diferentes liñas de axudas entre as que a Axenda 20 inclúe o Programa Aprol para promover o emprego no sector con preto de 3 millóns de euros.

Esta iniciativa contén, entre outros, axudas ás cooperativas e sociedades laborais que incorporen persoas sociais traballadoras e incentivos para a posta en marcha de novos proxectos e específicos para menores de 30 anos para fomentar o cooperativismo xuvenil. Tamén inclúe apoios para os programas de integración e intercooperación para poñer en marcha proxectos entre entidades de Economía social e de colaboración empresarial en eidos como I+D+i, comercialización ou internacionalización. Así mesmo, as cooperativas poderán beneficiarse do programa de microcréditos para microempresas.

Ademais destes apoios, o Goberno galego está a ultimar a Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, que inclúe un total de 87 medidas co obxectivo de potenciar a competitividade e internacionalización deste sector. O que se pretende é a consolidación do sector dotándoas dunha maior capacidade industrial e loxística. Estas actuacións enmárcanse na aposta do Goberno galego polo emprendemento, ao que destina este ano 40 millóns de euros.

O stand do cooperativismo
As cooperativas con presenza no stand do Consello Galego de Cooperativas son Anaco, as adegas Virxe das Viñas e Eidosela, a Cooperativa agraria provincial, Caprina galega, Greleiras de Anxeriz, Nosa enerxía, Produtores do campo de capela, Pulponor e Xeira consultora.

Esta iniciativa enmárcase no programa de actividades da Rede Eusumo para a promoción do cooperativismo e a Economía Social, que pretende contribuír á divulgación desta fórmula empresarial en todo o territorio galego favorecendo a cooperación transfronteiriza e procurando a mellora da competitividade empresarial.